Published May 29, 2026 | Version v1

TeCoLing: unha ferramenta para a análise de perfís sociolingüísticos e a detección de intérpretes interculturais en Galicia

  • 1. ROR icon Universidade de Santiago de Compostela

Description

No póster presentaremos o proxecto Tecendo comunidade coas linguas (TeCoLing), impulsado no marco do Programa de Estímulo e Transferencia en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas da Universidade de Santiago de Compostela. Este proxecto xorde da necesidade de responder aos retos que a superdiversidade lingüística presenta en Galicia (Vertovec 2007, Prego e Zas 2023). Nun contexto no que o galego convive co castelán e con linguas migrantes moi diversas, as administracións e as entidades sociais precisan ferramentas que permitan coñecer mellor os repertorios lingüísticos das persoas usuarias e detectar recursos comunitarios para reducir barreiras de acceso a dereitos e servizos. Neste sentido, TeCoLing é unha aplicación dixital orientada á identificación de potenciais intérpretes interculturais así como ao mapeo de necesidades de tradución e interpretación en diferentes ámbitos sociais.  

O obxectivo principal do proxecto foi deseñar e pilotar unha ferramenta capaz de trazar perfís sociolingüísticos útiles para a intervención social, favorecendo a inclusión, a equidade e a cohesión comunitaria. De maneira específica, buscouse: a) recoller biografías e traxectorias lingüísticas; b) identificar necesidades de tradución e interpretación; c) coñecer os contextos de uso e aprendizaxe das linguas; e d) detectar persoas dispostas a integrarse nun banco de intérpretes interculturais remunerado (Estévez Grossi, Prego Vázquez e Zas Varela 2025) 

A metodoloxía do proxecto baseouse nun enfoque claramente colaborativo e participativo, no que interviñeron de maneira coordinada as entidades colaboradoras, o persoal técnico e profesional desas entidades, as persoas usuarias, o equipo investigador da Universidade de Santiago de Compostela e un técnico informático encargado do desenvolvemento da ferramenta. Este traballo conxunto permitiu integrar coñecemento académico, experiencia profesional, saberes situados e necesidades reais detectadas na práctica, favorecendo o deseño dunha aplicación máis útil, axustada e transferible. O valor deste método colaborativo reside precisamente en que non se trata dunha ferramenta construída unicamente desde a investigación, senón cocreada a partir do diálogo entre axentes diversos, o que reforza a súa pertinencia social, a súa viabilidade práctica e a súa capacidade para responder de maneira máis precisa aos retos da mediación intercultural, da tradución e da interpretación en Galicia (Estévez Grossi 2025) 

En conxunto, TeCoLing evidencia que as tecnoloxías aplicadas á análise sociolingüística poden converterse nun recurso estratéxico para a planificación de servizos inclusivos e para a valorización das competencias lingüísticas presentes na comunidade. O proxecto non só permite coñecer mellor a realidade multilingüe galega, senón tamén activar capacidades xa existentes nas redes sociais e institucionais, reforzando a mediación intercultural como ferramenta de integración e de garantía de dereitos.  

Referencias bibliográficas 

Estévez Grossi, Marta (2025). intermediación lingüística por parte de menores en Galiza: un primeiro estudo exploratorio. En Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo, Miguel Guisantes-Alonso (coords.). Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística. Consello da Cultura Galega, 239-263. 

Estévez Grossi, Marta; Prego Vázquez, Gabriela e Zas Varela, Luz (2025). TeCoLing. Informe do Proxecto de transferencia Tecendo Comuninade coas Linguas. Xaneiro 2025. Sen publicar. Universidade de Santiago de Compostela. 

Prego Vázquez, Gabriela e Zas Varela, Luz (2023). Superdiversidad lingüística en los nuevos contextos multilingües: una mirada etnográfica y multidisciplinar. Iberoamericana: Vervuert. 

Vertovec, S. (2007). Super-diversity and its implicationsEthnic and Racial Studies, 30(6), 1024–1054. 

Files

Poster_Tecoling-2026.05.26.pdf

Files (2.7 MB)

Name Size Download all
md5:b2095c7fd16a84a9b70154693bdce2b0
2.7 MB Preview Download